Cabanas Prehistóricas do Outeiro das Mouras

A casa do Xamanismo

 

Entre as vivendas circulares destaca unha polas súas maiores dimensións e diámetro. É a “Casa do Xamanismo”, a casa do/a Xamán.

Representamos este tipo de vivenda asociado cos temas relixiosos e as prácticas máxicas durante a prehistoria, porque o poboado ten un vínculo forte cara ao achegado santuario rupestre do Outeiro das Mouras. Pártese da base dunha das teorías que explican a arte rupestre como un fenómeno derivado da relixiosidade xamánica, os petróglifos serían un xeito de comunicación co sobrenatural a través da arte e da simboloxía representada nas rochas, en rituais de tipo xamánico, incluso con estados de conciencia alterados. Hai que imaxinar a cabana cos obxectos do/da xamán, útiles para comunicarse cos espíritos, para facer curacións, ou mesmo para acceder ao mundo do alén e propiciar a caza ou as boas colleitas.