Cabanas Prehistóricas do Outeiro das Mouras

Como están feitas

 

As vivendas foron deseñadas coma un proxecto de arqueoloxía experimental, buscando referentes e materiais arqueolóxicos para facer unha réplica o máis fiable posible dun poboado dos períodos prehistóricos do Calcolítico/Idade do Bronce.

Non se coñecen aínda lugares nas inmediacións que presenten indicios dun asentamento (si os hai para a Idade do Ferro), pero é indubidable que as persoas que fixeron os gravados de Outeiro das Mouras viviron nos arredores destes xacementos, como ocorre noutras zonas da nosa xeografía.

 

 

Xacementos semellantes onde se poden tirar datos ao respecto da construción ou das formas de vida na prehistoria:

  • Agro de Bazar (Silleda, Pontevedra)
  • Setepías (Cambados, Pontevedra)
  • A Casilla (Lugo, Lugo)
  • O Fuxiño (Piñor, Ourense)
  • Vilamerelle (Palas de Rei, Lugo)
  • Pena Fita (Lugo, Lugo)
  • Lama de Mena (Rodeiro, Pontevedra)
  • Carballeira de Espírito Santo (Silleda, Pontevedra)
  • Os Remedios (Moaña, Pontevedra)
  • Punta Perico (Ribeira, A Coruña)
  • Monte Buxel (Pazos de Borbén, Pontevedra)
  • Povoado da Santinha, Amares, Norte de Portugal
  • Monte das Cabanas (Vigo, Pontevedra)
  • (...)
  •  

    Cales son os condicionantes dun traballo destas características:

     

    O rexistro arqueolóxico

    Ao respecto contamos co asesoramento científico de María Martín Seijo, doutora en Arqueoloxía e Historia da Antigüidade pola USC, e Pedro Felipe Mendes Cura, Arqueólogo Experimental. Ademais, todo o equipo estivo formado por persoal arqueólogo ou con experiencia en arqueoloxía e recreacións semellantes. Aplicáronse sistemas construtivos atopados e interpretados no rexistro arqueolóxico sobre a construción das vivendas prehistóricas. Na actualidade existen xa varios exemplos que nos permiten realizar unha aproximación a este tipo de estruturas en Galicia; nos baleiros atopados recórrese a exemplos doutros lugares peninsulares ou europeos que teñan unha vexetación e clima similares (con semellanza nos recursos forestais e vexetais dispoñibles).

    Os restos arqueolóxicos permiten rexistrar datos como as formas en planta, o tipo de cimentación (buratos de poste, fosas), a existencia de pavimentos e fogares no interior das construcións, a localización das portas, etc. E no que respecta aos materiais utilizados recorremos a disciplinas especializadas como a antracoloxía ou a carpoloxía que permiten identificar os restos de madeiras, ou plantas, carbonizadas en contextos arqueolóxicos.

    Con respecto á cimentación da estrutura predominan as construcións con gabia de cimentación, ás veces na propia gabia escávanse buratos de poste; noutras ocasións, toda a estrutura está cimentada so en buratos de poste. O sistema de cimentación é crucial porque determina os sistema de sustentación das paredes e da cuberta.

    Para as especies de madeira utilizadas, un dos xacementos que por localización máis similitudes podería presentar con respecto a Salcedo sería o de Monte das Cabanas (Vigo, Pontevedra). Das especies identificadas, que probablemente foron residuos da leña utilizada nas áreas domésticas hai algúns taxóns que serían potencialmente utilizables como elementos sustentantes das construcións: carballo (Quercus sp. caducifolio), aciñeira-sobreira (Quercus sp. perennifolio) ou freixo (Fraxinus sp.); en áreas con moita humidade podería utilizarse incluso madeira de ameneiro (Alnus sp.) ou salgueiro/lamagueiro (Salix/Populus).

    Con respecto aos entretecidos realizados a partir de varas probablemente de entre máis de 0,2 a 1,5 cm. de diámetro; As especies máis adecuadas para este fin son as que presentan unha certa flexibilidade como por exemplo a abeleira (Corylus avellana) ou o salgueiro/lamagueiro (Salix/Populus), tamén se ten utilizado para a elaboración dos entretecidos en contextos da Idade do Ferro pólas de toxo-xesta (Fabaceae). Non sería descartable que outras arbustivas como o sabugueiro (Sambucus sp.), sanguiño (Frangula alnus) ou incluso as especies da familia das Maloideas (Rosaceae/Maloideae) se tiveran utilizado tamén de forma puntual.

    Con respecto ás cubertas, poderían ter sido confeccionadas con ramas de xesta (Fabaceae). Non sería tampouco descartable o uso do fento (Pteridium aquilinum) mesturado con outras plantas nas cubertas ou incluso como desgraxante vexetal na arxila dos revestimentos dos entretecidos vexetais.

     

    As referencias etnográficas

    O rexistro arqueolóxico condiciona a forma e contempla as especies vexetais, pero non aporta moitos detalles sobre a forma de encaixar os diferentes elementos e elaborar os tellados sobre todo. Para resolver estes enigmas tiramos man da etnografía e as solucións tradicionais a este tipo de cuestións que non resolve a arqueoloxía.

    Hai numerosos lugares ao longo da nosa xeografía achegada e afastada onde se constrúen chozos con teitos de xesta para poder albiscar como se producen estes encaixes e ataduras que fan perdurar a construción. As construcións tradicionais con teitos vexetais foron relativamente frecuentes en Galicia, incluíndo desde casas, cabazos, cabaceiros, hórreos, muíños, batáns, cabanóns ata igrexas.

    As pallozas do Cebreiro, as brañas asturianas ou incluso os chozos estremeños son tamén exemplos de construcións tradicionais dos que se poden tirar ideas para o noso caso.

     

    A sostibilidade, a perdurabilidade...

    Temos moitas outras condicionantes para facer unhas cabanas deste tipo, e a sostibilidade é un dos máis importantes; temos que considerar que as especies vexetais que se poden utilizar son escasas ou non están localizadas nas nosas contornas inmediatas. Neste sentido, a procedencia local, galega, de produtores achegados é unha garantía de sostibilidade.

    Non podemos deforestar o monte para darlle á madeira o uso lúdico dunha recreación. É por iso que temos que primar a utilización de madeiras xa aprovisionadas e tratadas na serraría (hai que considerar que dun só tronco de castiñeiro se sacan todas as madeiras das paredes das cabanas).

    A construción das cabanas entra na clasificación de “bio-construción”, xa que están realizadas con materiais de baixo impacto ambiental ou ecolóxicos, de orixe vexetal e mineral, tirados mediante procesos sinxelos e completamente reciclables e biodegradables.

    A perdurabilidade é outro dos “handicaps” para ter en conta, facer unhas construcións firmes e sólidas, sen risco para o uso das persoas visitantes ou participantes de calquera actividade.

    Neste sentido a construción mediante fortes arquitrabados de castiñeiro, sostidos sobre unha estrutura tradicional, estudada e deseñada por un arquitecto, Marcos Pérez, é unha garantía para seu uso.

    Ao respecto hai varias “trampas” na fabricación, como pode ser o uso de hidrofugantes nas paredes de barro para atenuar o castigo e a incidencia dos fortes temporais que de xeito ocasional podan afectar á zona; ou a utilización dunha lámina de impermeabilización nos teitos para evitar a entrada de auga de chuvia cara o interior e minguar o mantemento dos tellados.

     

    O marco orzamentario

    Por último e tan importante como calquera dos anteriores, o orzamento, o marco económico para a execución do proxecto. Conseguir un promotor como a CMVMC de Salcedo que teña interese e se amose receptivo para unha experiencia deste tipo na súa parroquia.

    E, neste caso, unha axuda dos fondos europeos do FEADER (Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural) a través da iniciativa LEADER 2014-2020 que é unha medida do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, xestionados polo Grupo de Desenvolvemento Rural de Pontevedra-Morrazo (GDR Ponteveda-Morrazo), que achegaron un 65,60 % do orzamento para a creación do Parque Etnoarqueolóxico.