Cabanas Prehistóricas do Outeiro das Mouras

Benvida

 

Benvidos e benvidas ás Cabanas Prehistóricas do Outeiro das Mouras, un Parque Etnoarqueolóxico para coñecer e divulgar a prehistoria e a antropoloxía da parroquia de Salcedo, Pontevedra (Galicia).

Este proxecto de musealización desenvólvese pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo (Pontevedra) coa finalidade de crear un Centro de Interpretación sobre a prehistoria recente da parroquia, así como un espazo de actividades múltiples ao ar libre. Foi cofinanciado mediante fondos europeos do FEADER (Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural), iniciativa LEADER 2014-2020, unha medida do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, xestionados por AGADER a través do Grupo de Desenvolvemento Rural de Pontevedra-Morrazo (GDR Ponteveda-Morrazo), que achegaron un 65,60 % do orzamento para a creación do Parque Etnoarqueolóxico.

A experiencia enmárcase nun gran proxecto marco que é a recuperación do Monte Comunal por parte da CCMMVV de Salcedo:

  • Derrubando as construcións asociadas con manobras militares e campos de tiro (recuperando incluso a topografía orixinal do monte).
  • Eliminando especies agresivas para o medioambiente como son as acacias e replantando especies autóctonas de frondosas.
  • Recuperando regatos e fontes.
  • Recuperando e rehabilitando pistas e sendeiros.
  • (...)

A creación deste espazo resulta exemplar na xestión do Monte Comunal, desgrazadamente na actualidade enfocada, de xeito xeralizado, cara a explotación madeireira dos nosos bosques mediante a plantación indiscriminada de especies de árbores alleas.

Neste caso, a visión do monte coma un espazo de lecer, a maiores da propia actividade económica da madeira, redunda na súa valoración social e económica, a través do aproveitamento doutros recursos que posúen as nosas comunidades, como é neste caso o Patrimonio Arqueolóxico.