Cabanas Prehistóricas do Outeiro das Mouras

Cabana Comunal

 

Tamén chamada “Gran Cabana”, é unha construción alongada de 12 metros de longo e 5 de ancho.

Polas súas dimensións a estrutura foi reforzada cun sistema de columnas e vigas sobre as que descansan os durmintes do teito, restándolle peso á estrutura. O teito é a dúas augas cuberto cos mollos de xesta.

A investigación arqueolóxica cóntanos que este tipo de estruturas de planta alongada presentan certa variabilidade na planta, dimensións e técnicas construtivas. Normalmente a súa lonxitude sempre é máis do dobre da súa anchura, nos exemplos do NO. teñen dimensións que oscilan entre os 7 e os 20-21 metros de largo. Como no noso caso, as cabeceiras destas estruturas son redondeadas ou presentan esquinas redondeadas, e os laterais da estrutura son paralelos, en ocasións rectos e noutras ocasións lixeiramente curvados.

Chamámoslle cabana comunal interpretándoa coma un gran espazo de xuntanza do grupo que habita o lugar, unha gran habitación onde se poden facer actividades grupais, asembleas, reunións, e ata banquetes rituais, cunha evocación arraigada de lugar de encontro. Con esta cabana pretendemos amosar a idea de vinculación das persoas que habitan o poboado como un grupo, unha tribo, en definitiva, un pobo que se xunta e se organiza para superar os retos que lle presenta a súa vida cotiá ou desenvolver os seus rituais festivos e relixiosos.