Como complemento do espazo exterior das cabanas construíronse diferentes elementos asociados coa sociedade dedicada á agricultura e gandería da Idade dos Metais.
Foxas de almacenaxe
Tivemos unha especial interese na construción dos silos, situados ao carón dunha das casas, en forma de foxas escavadas no chan para conter cereais, landras... Buscábase a conservación do alimento no tempo co obxectivo de ter remanentes para consumir no futuro. Escaváronse catro foxas de almacenaxe de forma globular, son as estruturas máis comúns no noroeste peninsular para esta época da prehistoria recente.
As paredes das foxas van cubertas de arxila para illar as paredes. As súas dimensións son variadas, en torno a 1 m. de anchas cunha boca de 60-70 cm., con tampas de pedra, e unha fondura de entre 1 e 1,50 m.
No xacemento de Monte Buxel, entre Pazos de Borbén e Redondela, atopouse un complexo de foxas de almacenaxe que segundo a súa investigación poderían conter ata 14.000 litros de cereais.
Empalizada e currais:
Rodeando todas as construcións, nunha lonxitude de 180 m. construíuse un peche perimetral e unha sebe para o gando de 30 m². Mediante o cravado de varas de castiñeiro e con paus de abeleira colocados transversalmente entrelazadas coas estacas.
Todo ten un aspecto rústico, simulando os acabados con ferramentas de prehistóricas, evitando os cortes con medios mecánicos.
O forno de cerámica
Construído con arxila e palla, pretendemos a réplica deste forno prehistórico co obxecto de recrear actividades de alfarería prehistórica, moldeando cerámica e cacharros de barro que logo podan cocerse coas técnicas do Calcolítico/Idade do Bronce documentadas na investigación arqueolóxica.
Espazo comunal do lume:
As construcións están orientadas e rodean un gran espazo central que poderá utilizarse para actividades didácticas e recreacións prehistóricas, como a creación de lume, a fundición de metais e a fabricación de ferramentas, recreacións prehistóricas, etc.