Cabanas Prehistóricas do Outeiro das Mouras

O Patrimonio que nos rodea

Que forma máis interactiva hai para amosar e recoñecer o noso pasado que integrarse no modo de vida das persoas que realizaron os gravados rupestres ou construíron as mámoas espalladas pola nosa contorna.

A contorna conta cun patrimonio arqueolóxico destacado, en Salcedo mesmo: Espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños

  • O Conxunto Rupestre do Outeiro das Mouras / A Chan das Mouras (Regato dos Buratos/Outeiro da Mina), con máis de 7 grupos de gravados, e obxecto de interese primordial no noso proxecto.
  • Os Petróglifos do Campo de Tiro (As Apañadas), achegados ao anterior conxunto.
  • O Petróglifo da Pedra do Escorregadoiro, un singular grupo de puntos nunha pedra escorregadoira.
  • Os Petróglifos do Outeiro das Apañadas.
  • Os Petróglifos da Cachada do Vello.
  • Os Petróglifos de Pozo da Vilar de Matos.
  • A desaparecida Mámoa de Louredo.
  • Os Castros das Croas e Os Penedos.

 

 

 

E xa achegados, nas parroquias lindantes:

  • A Mámoa dos Sete Camiños e Mámoas de Catadoiro (Lourizán).
  • Os Petróglifos de Outeiro da Edra e o Conxunto de gravados do Pornedo (Lourizán).
  • Os Petróglifos de Sete Camiños e Pinal de Caeiro (San Xulián de Marín).
  • Ou os máis afastados xa de Carrasca e Champás (San Xulián de Marín).

 

Estamos a falar dunha paisaxe integrada por numerosos elementos que forman un conxunto heteroxéneo pero de gran valor arqueolóxico e paisaxístico.

 

O poboado de cabanas construído sitúase achegado aos petróglifos de Outeiro das Mouras, un dos conxuntos de gravados rupestres máis importantes do Concello de Pontevedra, xa que logo os acontecementos da nosa prehistoria recente que se están para expoñer tiveron lugar neste sitio, nos montes de Salcedo. A visualización física do xacemento axuda ao entendemento e interpretación da prehistoria acontecida, creando ademais un espazo onde realizar actividades ao ar libre asociadas co patrimonio.

 

A recreación deste pequeno poboado pretende achegar ás visitas á vida cotiá durante o período de tránsito do Neolítico á Idade dos Metais. Trátase de mostrar aqueles aspectos que a investigación arqueolóxica vai descubrindo e que permite que nos poidamos retrotraer ao pasado e observar, de maneira directa, aspectos como a organización funcional do poboado, o sistema construtivo e de almacenamento ou cocción, a forma das cabanas ou as especies que cultivaban e os animais que coidaban.